CLUB DE REMO DE ARES

Historia

Patrocinadores do club
  • Concello de Ares
  • Xunta
  • Sogarisa
  • Deputación da Coruña
  • Abanca
  • Ford Gonzacar
  • Permuy
  • RIBERA CLINICA ASSITENS
  • VERDE ACTIVA
  • HIGH WIND
  • Cabreiroá
  • AUSARTA
  • GALERNA WIND
  • CONTROL VERTICAL
  • FUNDACION ISIDRO SILVEIRA
  • ASF

O Club de Remo Ares foi fundado o 9 de decembro de 1958 por Francisco Saavedra "Pancho", recollendo así a grande afección que había polo remo na vila de Ares.

Conta a historia local que a primeira referencia que se posúe sobre a celebración dunha competición de remo en Ares data do ano 1933, e que no ano 1940 tivo lugar unha regata de traiñeiras en honra á Virxe do Carme. Isto dá unha idea da tradición do remo por estes lares.
Os distintos equipos directivos que levaron o rumbo do club foron acadando, con esforzo e tenacidade, as metas que se ían propoñendo, tanto no aspecto social como no deportivo.

No plano deportivo, nas vitrinas do club repousan varios campionatos de España, campionatos galegos, así como bandeiras de traiñeiras e de bateis (Deputación Provincial da Coruña, Villa de Gijón, Intercélticos...) e diversos diplomas. No ano 1981, a Delegación Provincial do Consello Superior de Deportes outorgounos o Diploma ao club que máis destacou na práctica do remo, recoñecemento que a Deputación voltou conceder en 1988.

Sen dúbida, o ano 1992 está marcado no ámbito deportivo pola celebración dos Xogos Olímpicos de Barcelona. O Club de Remo Ares ten o orgullo de ter participado nun evento de tal magnitude grazas ao seu remeiro Horacio Allegue, que formou parte do equipo olímpico do oito con timoneiro.
O Club de Remo Ares compite en todas as modalidades do remo estatal (banco fixo e banco móbil), desenvolvendo as súas competicións tanto na xeografía galega como no conxunto do Estado español.

No aspecto social, cómpre destacar por riba de todo a construción do local social e das instalacións deportivas, inauguradas o 10 de setembro de 1983. Para iso conseguiuse unha parcela de propiedade municipal de 1.360 m², arrendada ao club por un período de 50 anos para o uso e gozo da práctica do remo.
As instalacións están divididas en sala de xuntas, dous vestiarios, ximnasio, servizos-aseos e embarcadoiro de botes.

Para rematar, cómpre dicir que no Club de Remo Ares traballa unha directiva que, con acertos e erros, se mantén comprometida. É un club responsábel e serio, onde cremos e defendemos o deporte non só como competición, senón tamén como ferramenta de formación integral dos nosos remeiros e remeiras para a vida.

A traiñeira de Ares remou na ACT por primeira vez en 2017, acadando un 10º posto. En 2020 voltamos, rematando a liga na décima posición. Na tempada 2021, a súa segunda consecutiva na Liga Eusko Label, o club deu un paso máis e, sen pasar apuros, consolidouse na novena posición da clasificación xeral. Ademais, en dúas das xornadas disputadas acadou o sexto posto, tanto na segunda xornada da Coruña como na regata de Santurtzi. En 2022 remata no derradeiro posto e descende. E no 2025 recuperouse a categoria.