Novas 2025

ASOCIACION

02 Xul 2025

Todo preparado en Bilbao para que comece a Liga Eusko Label e a Liga Euskotren 2025

Todo preparado en Bilbao para que comece a Liga Eusko Label e a Liga Euskotren 2025

A tempada de regatas arrancará o 5 de xullo coa Bandeira de Bilbao, a proba contra o reloxo que atravesa o corazón da cidade.

A capital biscaína voltará acoller este sábado (5 de xullo) o arranque oficial da tempada de remo de elite coa desputa da Bandeira de Bilbao-Bilboko Bandera, proba inaugural da Liga Eusko Label e da Liga Euskotren, que marcan o comezo da tempada 2025 da Asociación de Clubes de Traiñeiras (ACT).

O acto de presentación, hoxe en Bilbao, contou coa participación de autoridades institucionais e representantes do remo, nun encontro que marca o comezo dunha nova campaña chea de emoción, competitividade e compromiso con este deporte tradicional.

O presidente da ACT, Borja Rodrigo, destacou a importancia de encetar a tempada en Bilbao, cidade estreitamente ligada ao desenvolvemento da liga: "Afrontamos esta tempada con moitísimo entusiasmo e con todas as ganas postas en que sexa un grande ano para o remo. É un orgullo poder dar o bandeirazo de saída en Bilbao, unha cidade que achega prestixio, visibilidade e un marco inigualábel para a competición. A singularidade desta regata, que se desputa en formato contra o reloxo e atravesa o corazón da cidade, convirte a Bandeira de Bilbao nun encontro moi especial para clubs, deportistas e afeccións".

Durante a presentación tamén interviu a concelleira de Mocidade e Deportes do Concello de Bilbao, Itxaso Erroteta, que puxo en valor "a conexión da cidade con este deporte e o impacto positivo do evento". Ambos encoraxaron a todo o público a entregarse e participar na grande festa na que se convertiu a Bandeira de Bilbao.

A tempada 2025 arranca con forza e con Bilbao, máis unha vez, como escenario protagonista dunha regata que combina tradición, espectáculo e competitividade ao máis alto nivel.

O circuito urbano e o formato contra o reloxo ofrecerán un espectáculo único ao longo da ría, permitindo á afección gozar do paso das traiñeiras en plena contorna urbana. Ademais, os tempos desta regata determinarán a orde de saída e a composición das quendas na seguinte xornada, aumentando a súa relevancia no deportivo.

Voltar