Novas 2016
ESPECIAL
15 Xul 2016
Dobre ración de remo en augas biscaínas
A VII Bandeira de Bilbao e a Getxoko Estropaden XXXVIII. Ikurriña, encontros deste fin de semana para a Liga San Miguel e a Liga Euskotren
Se o fin de semana Gipuzkoa acaparaba as olladas do remo, este fin de semana tócalle o turno a Bizkaia. Máis concretamente a Bilbao e a Getxo, onde mañá e o domingo se desputarán dúas novas xornadas da Liga San Miguel e da Liga Euskotren. Unha Liga San Miguel na que NT2 Hondarribia chega con catro bandeiras e como líder na loita pola Coroa CaixaBank. Unha loita na que, de momento, ten tres puntos de renda frente ao seu máis inmediato perseguidor, Urdaibai Avia. A igualdade na clasificación é tal que, entre o cuarto e o noveno apenas hai 12 puntos de diferenza. No que ao Trofeo CaixaBank ao Mellor Patrón se refire, Unai Osa, patrón de Zumaia, portará unha xornada máis o maillote branco de líder. Xa na Liga Euskotren, será en Bilbao onde por primeira vez se vexan as caras as catro clasificadas: San Juan Iberdrola, Hibaika Jamones Ancín, Orio Babyauto e Cabo.
A sexta xornada da Liga San Miguel marcha para Bilbao mañá a partir das 18:00 horas, onde se porá en xogo a sétima edición da Bandeira de Bilbao baixo a modalidade de contra o reloxo, tendo as balizas de saída e chegada na Ponte do Concello. Cinco delas formaron parte do calendario da Liga San Miguel, onde houbo catro gañadores distintos: Orio Babyauto en 2007, Castro en 2008, Kaiku Producha en 2011 e NT2 Hondarribia en 2014 e 2015. Precisamente, no ano pasado, a embarcación patroneada por Ioseba Amunarriz marcou o mellor tempo deste campo na Liga San Miguel, parando o crono en 19'23"92. A diferenza máis pequena entre os dous primeiros clasificados foi en 2008, cando Castro avantaxou en 1"21 a Orio Babyauto na meta. Porén, a diferenza máis alta tivo lugar en 2007 cando NT2 Hondarribia chegou á meta 13"32 despois de Orio Babyauto. No 2012, desputouse a IV Bandeira de Bilbao dentro do calendario da competición, na que a vitoria foi para NT2 Hondarribia, con un tempo de 20'33"50, pero esta regata non foi puntuábel. Como novidade, este ano, a Liga Euskotren acode a Bilbao, póndose en xogo a primeira Bandeira de Bilbao. No 2011, baixo o nome de Bandeira El Correo, Getaria Tolosa impúxose con un rexistro de 10’46” a Bizkaia, a quen deixou nove segundos por detrás.
O domingo chegaralle o turno a Getxo, onde a Liga San Miguel ten un novo encontro da Getxoko Estropaden Ikurriña dentro do calendario. Ano tras ano, esta regata foi tendo múltiples vencedores, pero por riba de todos salienta Kaiku Producha, con tres vitorias consecutivas (2011, 2012 e 2013). Clubs como Pedreña (2006),Orio Babyauto (2007), Castro (2008 e 2009), Urdaibai Avia (2010) e NT2 Hondarribia (2014 e 2015) tamén conseguiron facerse coa vitoria neste importante encontro do calendario. Até o momento, o mellor tempo deste campo de regatas osténtao Castro, cando en 2009 reventou o crono con un tempo de 19'18”70, avantaxando a San Pedro en 10”56. Porén, a diferenza máis abultada neste encontro aconteceu na edición de 2013. Daquela, Kaiku Producha non deu oportunidade ningunha aos seus rivais e avantaxou ao segundo clasificado, Orio Babyauto, en 23”50. Ao contrario, na edición de 2008, a victoria estivo moi apertada e Castro apenas puido sacar unha vantaxe de 1”64 a Orio Babyauto na liña de chegada. Nesta Ikurriña de Getxo, os aspirantes á Coroa CaixaBank competirán nun campo de regatas de tres millas náuticas ao pé do Porto Vello, con catro longos e tres ceavogas, mentres que as catro embarcacións da Liga Euskotren farano nunha distancia dunha milla náutica e media, con dous longos e unha ceavoga. As quendas para a regata do domingo comporanse en base ao resultado do día anterior na VII Bandeira de Bilbao.
Tanto a xornada de mañá, como a do domingo serán televisadas ao vivo por ETB1 e TVG2, ademais de podérense ver tamén ao vivo pola páxina web de ambas canles de televisión.


