Novas 2025
ASOCIACION
23 Xul 2025
Ikurriña de Getxo abrirá a cuarta fin de semana de competición
Despois da renovación do convenio coa Sociedad Puerto Deportivo El Abra-Getxo, presentáronse as bandeiras que estarán en xogo este sábado a partir das 17:25.
Esta mañá presentáronse no TikiToki de Getxo a Getxoko Estropaden XVII. Ikurriña - J.A. Agirre Lehendakariaren XXI. Omenaldia que se desputará na Liga Euskotren, e a Getxoko Estropaden XLVII. Ikurriña-J.A. Agirre Lehendakariaren XXI. Omenaldia que estará en xogo na Liga Eusko Label. Ademais, aproveitouse a ocasión para asinar a renovación do convenio coa Sociedad Puerto Deportivo El Abra-Getxo.
O porto deportivo e a praia de Ereaga serán testemuñas da máxima categoría do remo de banco fixo e as afeccións poderán desfrutar da xornada na Fan Zone, no triángulo, despois da zona de lecer.
As bandeiras presentáronse esta mañá nun acto no que estiveron presentes a alcaldesa de Getxo, Amaia Agirre; o presidente da ACT, Borja Rodrigo; e o Concelleiro de Deportes de Getxo, Álvaro González.
Amaia Agirre, alcaldesa de Getxo salientou o valor que ten esta competición no municipio: "As nosas augas do Abra acollen un dos encontros máis especiais do verán: a Bandeira de Getxo. E xa van 47 edicións. Non é casualidade que esta bandeira sexa unha das máis antigas do calendario. Fala dunha ligazón profunda de Getxo e os getxotarras con este deporte. Fala dunha afección fiel. E fala, sobre todo, do traballo diario dos nosos clubs, das nosas traiñeiras, das nosas remeiras e remeiros."
Para Rodrigo, a de Getxo é unha das bandeiras con maior tradición na Asociación: "Getxo acompáñanos dende a primeira edición da Liga, incondicionalmente. Sempre é un pracer voltar a unha localidade como esta. Non apenas polo que Getxo representa no referido ao deporte, mais tamén pola estabilidade da que dota as nosas dúas competicións e o grande campo de regatas que ofrece para o noso calendario deportivo".
Getxo, sede até o 2027
Asinouse tamén a renovación do convenio co porto deportivo El Abra-Getxo por tres anos máis, asegurando a presenza da elite do remo na localidade polo menos até o 2027. Getxo acolle as competicións da Asociación dende os seus inicios e é un encontro fixo no calendario remeiro.


