Novas 2025
COMPETICION
06 Ago 2025
Cabo de Cruz será este domingo escenario da Liga Eusko Label e Liga Euskotren
O peirao de Cabo de Cruz será este domingo 10 de agosto escenario da Liga Eusko Label e Liga Euskotren da ACT na que se disputará a XXXV Bandeira Concello de Boiro e VI Bandeira de traiñas feminina Rianxeira. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, participou na presentación da proba xunto con Luis Piñeiro, presidente do Club de Remo Cabo de Cruz; e Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa.
Trátase dunha proba que se disputará nun campo de regatas de catro carreiros, tres millas e tres ciabogas. A regata masculina, que dará comezo ás 12.20h será a catro longos e a feminina, que se disputará previamente, será a dous longos.
"Dende o Club de Remo estamos moi contentos de volver acoller esta proba que se volve disputar dous dias seguidos no Barbanza e na que, como vén sendo habitual, teremos paella e mexilloada", afirmou o presidente do Club de Remo, Luis Piñeiro.
Ao finalizar as regatas haberá espazo gastronómico do Club de Remo Cabo de Cruz, así como a fan zone da Liga ACT e tamén degustación de bonito. "Tratase dun dos eventos mais importantes do noso calendario deportivo que mestura deporte con gastronomía e no que os remeiros de cabo precisan do apoio de toda a afección", afirmou o concelleiro Marcos Fajardo.
Pola súa parte, a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, animou á veciñanza de Boiro e a comarca a que se acheguen a desfrutar do remo esta fin de semana: "dende Jealsa estamos moi orgullosos de ter dous equipos na máxima categoría do remo e imos seguir prestando o noso apoio para que se manteñan".


